Saturday 18 de May de 2024

O Concello de Oleiros reclama a inhabilitación do presidente da RFEF


O Concello de Oleiros condena enerxicamente os comportamentos e declaracións machistas do presidente da Real Federación Española de Fútbol e demanda a súa inhabilitación. José Luis Rubiales non é só un machista, é o perfecto exemplo desa minoría rancia que quere impedir a igualdade na nosa sociedade.

O discurso desta mañá é o relato machista máis habitual, cheo de vitimismo e mentiras. Se cunha forte presión nacional e internacional é quen de facer esas declaracións públicas, que fará fóra das cámaras?

O fútbol, un deporte nobre, está cada vez máis desposuído da súa esencia popular pola avaricia desmedida e as prácticas mafiosas e corruptas dos que ocupan os despachos. O negocio arrasa cos valores do deporte e a paixón dos afeccionados. O fútbol español non pode estar dirixido por este tipo de individuos.

O Concello de Oleiros non pode mirar cara outro lado en vésperas da celebración das finais feminina e masculina do torneo municipal de fútbol, que se celebran mañá sábado a partir das 17:00 horas no Campo Deportivo Municipal A Marola.